A Teixeira pertenceu historicamente ao partido xudicial da Pobra de Trives e segundo a información dada polos autores clásicos, na época prerromana grande parte do seu territorio estaba ocupado pola tribo dos Tiburos, pobo do convento xurídico asturicense, que tiña a súa capital en Nemetóbriga, que era unha das mansións da terceira vía militar, de Braga a Astorga, e sobre a súa localización non existe acordo entre os investigadores.
Ao longo da época romana debeu de existir unha vía secundaria que uniría a Vía XVIII co territorio dos Lemavi e o seu trazado debeu coincidir, en grande parte, co camiño, documentado na Idade Media, entre Castro Caldelas e Monforte ou Sober. No val da Abeleda aínda se achan vestixios deste antigo camiño, que pasaba pola ponte antiga da Boga, anterior á actual da estrada que leva de Castro Caldelas a Monforte.Outro camiño medieval, probable vía romana, é a calzada de Astorga ao Castro de Litoria. Este camiño discorría paralelo ao río Sil e foi percorrido e descrito polo Padre Sarmiento na súa viaxe de volta a Madrid no ano 1755.
Un camiño de moi antiga orixe era o que ía de Forcas a Pedrafita, pola ponte Couceliñas. Puido ser un camiño transversal que, aproveitando o val do Mao, uniría as terras da ribeira do Sil coas de Caldelas, onde se uniría co camiño de Caldelas a Ourense.